Dúas mulleres de Vilalonga e Noalla, sospeitosas da morte do ancián de Poio

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/11/detenconscrimepoio.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/11/DETIDOS_CRIME_POIO.mp4{/flowplayer} SANXENXO> Vilalonga e Noalla, e todo Sanxenxo en xeral non se comentaba hoxe outra cousa. A detención de dúas veciñas destes lugares como presuntas autoras do asasinato do ancián de Poio que a semana pasada aparecía morto en Chancelas tras un suposto roubo correu como a pólvora no municipio. Eran as coidadoras do xubilado. A unha delas, nomeáraa herdeira universal unha semana antes de morrer. Hai un terceiro detido ó que se supón cómplice. A presunta parella da muller de Vilalonga. Albertina T.F., duns 50 anos de idade e veciña de Vilalonga era detida onte no seu domicilio como suposta autora material do asasinato de Secundino Prego Amil. Os axentes irrompían en torno ás sete e media da tarde, e tras rexistrar o piso que ten alugado neste edificio, saía arrestada xunto a un home, que se supón a súa parella, e considerado cómplice. A nova collía por sorpresa ós veciños da zona xa que a muller é moi coñecida no lugar. Segundo relataron a esta canle algunhas testemuñas, rexentara o bar do club de xubilados e era familia dun sonado gaiteiro de Sanxenxo de nome Otilio. Ademais da parella, os axentes procedían a deter a unha terceira muller, unha moza duns trinta anos de Noalla, que segundo os lugareños, é filla dun mariñeiro do Grove actualmente embarcado e que vivía coa súa familia nesta casa alugada. Ó parecer traballaba en Punta Cana e estaba aquí de vacacións. De feito, un veciño seu asegurou a Canal Rías Baixas que lle dixera que onte mesmo marchaba para alá de volta. Este foi un dos motivos, que segundo a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, precipitou a operación. Ó parecer as dúas mulleres están consideradas as presuntas autoras materiais do asasinato de Secundino Prego, unha morte que se producía na madrugada do domingo ó luns da semana pasada, cando o ancián de 84 anos regresaba ó seu domicilio en Chancelas, Poio, despois de pasar a tarde na sala de festas La Luna, como adoitaba facer os domigos. Precisamente foron Albertina e a moza de Noalla, que responde ás iniciais B.G.P, as que aquel día alertaron ó 112 de que uns homes encarapuchados entraran supostamente na casa de Secundino para roubar. As mulleres estaban no domicilio do ancián xa que ó parecer adoitaban pasar alí o día para coidalo. Pero o que nun principio apuntaba a un roubo, parece que podería ser un crime por motivos económicos. En concreto, facerse cunha herdanza. E é que unha semana antes de morrer, Secundino acudira ó notario voluntariamente para cambiar o seu testamento e facer herdeira universal á súa coidadora a pesar de ter dous fillos. A ela deixáballe os cartos que tiña e as súas propiedades, entre elas a casa de Chancelas e a finca, cun valor moi elevado por estar situadas en primeira liña fronte á ría de Pontevedra. Segundo informaron desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a pesar de que nun primeiro momento as pescudas se orientaron polo móbil do roubo, pronto se constatou que a declaración das mulleres tiña moitas eivas. Foi entón cando repararon nalgúns comentarios que realizaran os veciños ós investigadores, apuntando a que o día do enterro a coidadora fachendeaba de ser herdeira do ancián. Isto unido ós poucos días que había que Secundino modificara o testamento, fixeron que a investigación cambiara o seu curso.