O BNG reclama a inmediata dimisión da Alcaldesa de Sanxenxo

    SANXENXO> O BNG reclama a dimisión da Alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e da actual Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, pola súa imputación na presunta trama de corrupción urbanística en Sanxenxo. Aseguran que respectan a presunción de inocencia no xudicial pero piden exemplaridade no eido político. Os distintos estamentos do BNG unen esforzos para reclamar medidas fronte a trama de corrupción urbanística de Sanxenxo que está a ser xulgada arestora no Xulgado número 2 de Cambados. Trala declaración á semana pasada dos principais imputados, entre eles a Alcaldesa de Sanxenxo, os nacionalistas reclaman responsabilidades políticas. En primeiro termo, desde o BNG local piden á rexedora Catalina González que deixe o seu cargo e, se sabe dalgún outro implicado, en clara referencia ó seu antecesor Telmo Martín, o xulgado é o lugar axeitado para denuncialo. Para os frontistas esta situación ven de longo e é o froito directo dun espazo de inmunidade no eido urbanístico consentido pola Alcaldesa e, agora que se destapa, é o PP en pleno ó que mira para outro lado. Parécelles que máis grave que prevaricar é incluso o cohecho e o tráfico de influencias; razón pola cal van a intentar pedir un pleno urxente no que se aclaren todas estas cuestións. Xa no eido autonómico, o grupo parlamentario do Bloque elevará a petición do cese da actual Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e responsable da Axencia para a Xestión e a Responsabilidade urbanística da Xunta de Galicia á cámara do Hórreo. Non lle valen as escusas de que esta responsabilidade actual non ten nada que ver ca desempeñada en Sanxenxo, ca licencia de edificacións na rúa Progreso e en Bascuas, Dorrón e Padriñán. De non producírense estas renuncias ou ceses, o BNG entende que se estaría a encubrir a corrupción urbanística que, para eles, é marca característica do PP en varios Concellos da Arousa e de fóra dela, como está a acontecer tamén na Capital de Galicia. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/02/bng_sanxenxo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/02/bng_urbanismo_sanxenxo.mp4{/flowplayer}