Uns préstamos especiais axudarán a rehabilitar as vivendas de Carril e Vilaxoán

    VILAGARCÍA > Caixa Galicia e o Concello de Vilagarcía asinaron un convenio para colaborar na rehabilitación dos inmobles situados nos cascos vellos de Carril e Vilaxoán.

    Este acordo consiste na concesión dunha serie de préstamos especiais ós propietarios das casas que queiran proceder a súa remodelación, e teñan máis falta de recursos para poder asumir o custe das obras.

    O plan de rehabilitación das vivendas do casco histórico de Vilaxoán e Carril posto en marcha polo Concello de Vilagarcía vaise ver reforzado tralo convenio de colaboración asinado esta mañá entre o executivo local con Caixa Galicia. Grazas a este acordo as persoas que soliciten, e lles sexa aprobada a subvención do concello para a remodelación das súas casas, disporán dunha serie de facilidades financeiras para o pago duns préstamos en condicións especiais. Unha medida pensada sobre todo para aquelas persoas que non poidan pagar por adiantado os cartos dunha axuda para acondicionar a súa vivenda.

    As condicións especiais de financiamento baséanse nun préstamo de ata o 80 por cen do valor da taxación do inmoble, con garantía hipotecaria, un tipo inicial do Euribor de 0,25, e por un máximo de 20 anos. Unha cifra que se acurta ata os 8 anos, no caso de que os beneficiarios subscriban un préstamo persoal ó 100 por cen do orzamento dos traballos.

    Polo de agora, na oficina de rehabilitación do Concello, xa hai unhas 120 solicitudes para remodelar vivendas do casco vello destas dúas parroquias, pero o obxectivo deste convenio é que as casas rehabilitadas sexan máis, ó ter os seus propietarios máis facilidades para pagar os créditos.

    Redacción Salnés