Barbanza conmemora o Día das Persoas con Discapacidade

    BARBANZA> As asociacións Ambar e Amicos, decidiron saír á rúa e celebrar esta data, reivindicando máis apoios, coa finalidade de promover a súa integración social. A Asociación AMICOS elixiu a praza do concello de Boiro para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Unha data, destinada a visibilizar entre o conxunto da sociedade a problemática coa que día a día se atopan aqueles que padecen este tipo de eivas. Ademais dos propios usuarios da entidade, nas actividades organizadas tomaron parte escolares de diversos centros educativos do municipio, así como diversas autoridades, entre as que se atopaban os alcaldes de Rianxo, Porto do Son e Boiro. Este último foi ademais o encargado de dar lectura a unha declaración institucional. Un dos momentos máis emotivos do acto, viviuse coa lectura dun manifesto por parte de Carolina e Sergio, dos usuarios do centro de Amicos, a través do cal reclamaban o apoio e o respecto da sociedade cara ás persoas con discapacidade intelectual. O acto rematou cunha solta de globos. Pola súa banda a asociación Ambar elixiu Ribeira para conmemorar esta data. A xornada iniciábase na praza de España de onde partiu unha marcha pola diversidade que percorreu varias rúas da cidade. As actividades continuaron na praza do concello onde se desenvolveron varias dinámicas cos alumnos dos centros educativos que tamén participaron na xornada como é o caso do libro de sinaturas, baile, unha cadea humana e unha representación da canción de Macaco ‘Mensajes del agua’. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/03/diadiversidadefuncionalamicosambar031213.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/03/diadiversidadefuncionalamicosambar031213.mp4{/flowplayer}