RIANXO> Rianxo chorou tamén a morte do seu veciño Alberto Chaves Gómez. Fíxoo cunha concentración e un minuto de silencio ás portas da casa consistorial, na que, ademais das autoridades locais, tamén tomaron parte numerosos veciños.
Emotivo foi tamén o acto celebrado este mediodía en Rianxo no que se rendeu homenaxe ó seu veciño Alberto Chaves Gómez, natural da parroquia de Leiro, e a súa parella, a cesureña María González Vicente, vítimas os dous, nos atentados islamistas de Sri Lanka. Durante o acto, o alcalde, Adolfo Muíños, informou da decisión tomada pola corporación, trala xunta urxente de portavoces desta mañá, na que se acordou decretar tres días de loito oficial no municipio. O rexedor rianxeiro mostrou tamén a súa consternación polo acontecido, mandando unha mensaxe de apoio ás familias dos dous falecidos.
No acto participaron tamén numerosos veciños que coa súa presenza quixeron mostrar a súa solidariedade coas vítimas e coas súas familias, en especial a de Alberto Chaves.
A concentración, na que se gardou tamén un minuto de silencio, rematou cun sonoro aplauso en sinal de sentida lembranza dos dous mozos falecidos.