Os emigrantes retornados piden axuda á Deputación

PONTEVEDRA> Outros que buscaron o apoio dos tres grupos que integran o pleno da Deputación de Pontevedra foron os membros da Plataforma de emigrantes retornados. No pouco tempo que lles deixaron os preferentistas, protestaron pola estafa á que aseguran que pretende sometelos a Axencia Tributaria ó cobrarlles polas pensións que reciben de países estranxeiros sen previo aviso. Os xubilados que no seu día traballaron na diáspora aseguran que son máis de 250.000 só en Galicia os que están a recibir este tipo de sancións. Unha persecución económica que continuará a primeiros do ano que ven, din, cunha nova remesa de 30.000 multas por parte do Ministerio de Facenda. E é que ós xubilados ven a sorprendelos esta actuación desde primeiros de ano posto que desde sempre, en virtude do Modelo de Convenio da OCDE, nunca tributaran en España polos cartos que chegan por vía legal desde os países que no seu día traballaron. Estes xubilados contrapoñen a súa situación á dos defraudadores ós que se lles ofreceu unha amnistía fiscal recentemente con toda a publicidade posible, cando a eles ninguén lles informou deste cambio normativo. Unha postura, a súa, que apoiaron desde o Parlamento Galego e na súa chegada ó Congreso o PP votou abaixo ca súa maioría absoluta. Piden pois unha solución política a este “saqueo planificado” do que aseguran sentirse víctimas, e que lles devolvan o recadado este ano en Galicia máis de 3,5 millóns. Dende os grupos provinciais do BNG e PSdeG-PSOE animaron ó Partido Popular a propoñer conxuntamente ao Goberno que cambie a lei para alcanzar a exención naqueles casos de pensións de retornados que non superen os 22.000 euros anuais. De non obteren unha resposta satisfactoria, os xubilados retornarán, desta volta ó Pleno da Deputación, dentro dun mes. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/27/xubilados.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/27/xubilados_pleno_deputacion.mp4.mp4{/flowplayer}