A xustiza obriga á Deputación a convocar un pleno polo caso do enchufe da cuñada de Carmela Silva

PONTEVEDRA> O pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra polo caso do enchufe da cuñada da presidenta Carmela Silva será o vindeiro venres 27 de maio. O goberno provincial convocou a sesión tras coñecer a sentenza do xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra que lles ordenaba celebrar este pleno. Así, os tribunais dan a razón ao Partido Popular, que ve a sentenza como unha vitoria política e xudicial.

O vindeiro 27 de maio, despois do pleno ordinario, a corporación da Deputación de Pontevedra celebrará a sesión extraordinaria polo caso do enchufe da cuñada da presidenta Carmela Silva.

O goberno provincial fixo a convocatoria despois de coñecer a setenza do xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra, que decidiu atender o recurso do Partido Popular. A xuíza conclúe que os deputados teñen dereito a que se debatan as cuestións sobre o control e fiscalización dos órganos de goberno da Deputación e, polo tanto, da súa presidenta.

O PP solicitara o pleno extraordinario en decembro de 2021. O seu obxectivo era instar á presidenta provincial a asumir responsabilidades políticas trala sentenza do Tribunal Supremo que condenou a un funcionario do concello de Vigo por participar nunha trama de contratación irregular da que se beneficiou a cuñada de Carmela Silva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí