332 novos parados entre Salnés e Barbanza

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/31/parodecembro2013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/31/DATOS_PARO_DEC_2013.mp4{/flowplayer} SALNÉS> As comarcas pecharon o 2013 cunha alza do desemprego aínda que analizando por concellos, houbo algún que creou novos postos de traballo. Salienta Vilagarcía, onde 54 persoas atoparon un traballo no mes pasado. A outra cara da moeda, Boiro, con 70 anotados máis nas listas do INEM. O mes de decembro deixou no Salnés 152 persoas máis no paro con respecto a novembro. Unha cifra positiva ou negativa segundo o filtro co que se mire, xa que se o comparamos con decembro do ano pasado, a comarca conseguir frear case a metade a sangría do desemprego. Na mesma liña se sitúa Barbanza. En decembro 179 persoas sumáronse ás listas do INEM. No conxunto de Galicia, malia subir o paro en 209 persoas o último mes, conseguiuse reducir en 7.724 o número de parados con respecto a decembro de 2012. Os sindicatos recoñecen que o 2013 rematou mellor que o ano anterior, pero aínda non se poden botar as campás ó aire. A principal preocupación: a caída da afiliación á seguridade social en Galicia fronte ó comportamento de España, onde subiu. Preocupación tamén polos novos licenciados. Xente nova que en lugar de anotarse nas listas do INEM opta por probar sorte fóra. Se analizamos o comportamento do paro por concellos, atopamos excepcións a esa suba do paro. É o caso de Vilagarcía, onde se crearon 54 postos de traballo en decembro, ou Sanxenxo, con 13 persoas que atoparon traballo. No polo oposto está Boiro. 70 persoas quedaron no paso o pasado mes. A explicación: o pulo do sector servizos en Nadal e a caída de construción, industria e agricultura. A maiores os sindicatos seguen alertando sobre a precariedade dos contratos que se asinan na actualidade, precariedade favorecida, aseguran, pola última reforma laboral.