CxG pide o asfaltado da rúa Xuíz Falcone

    NOIA> Os membros de Compromiso por Galicia denuncian a situación da Rúa Xuíz Falcone e a paralización das obras de construción do aparcamento previsto para a zona. Sinalan que foi no verán, cando o equipo de goberno decidiu paralizar os traballos, comprometéndose posteriormente en pleno, ante unha pregunta efectuada por esta formación, a retomalas o pasado mes de novembro. Dende CxG critican que dous meses máis tarde, a situación nesta rúa é xa critica, con numerosas pozas de auga e lama que impiden mesmo a circulación normal de vehículos por ela. O pasado tres de xaneiro representantes desta formación política presentaron por rexistro unha pregunta ó respecto do proxecto do aparcadoiro, ademais de interesarse polo estado das obras, obtendo ata o de agora a calada por resposta por pare do executivo. Dende Compromiso seguen a insistir en que non é o momento de levar a cabo un aparcadoiro que hipoteque ó concello, instando ó goberno municipal a levar a cabo unha serie de medidas puntuais que melloren dun xeito considerable esta situación. Así piden, entre outros aspectos o adecentamento do aparcadoiro da rúa Perito Don Basilio, a optimización e sinalización do aparcadoiro de Pedra Sartaña e a posterior unificación co aparcadoiro do Paseo Marítimo, para facilitar así o acceso ó estacionamento. Outra das propostas dos membros do CxG pasa porque a rúa Irmáns Labarta sexa de sentido único para aproveitar o espazo para o aparcamento, pedindo tamén que se volva a asfaltar a rúa Xuíz Falcone