A Deputación desestimará as alegacións ó reparto do plan DTC93

A CORUÑA> O pleno da Deputación desestimará o próximo venres as alegacións presentadas ás bases reguladoras do reparto de fondos do plan ‘Unha Deputación para Todos os Concellos’, que este ano está dotado con 18 millóns de euros e que foi aprobado no pleno do pasado decembro. O rexeitamento das alegacións, presentadas polo BNG e os concellos de Carballo e San Sadurniño, baséanse nos informes redactados polo servizo da Intervención Provincial e Xestión de Plans. Neles, queda claro que ‘as bases aprobadas conteñen criterios obxectivos de asignación de fondos entre os concellos destinatarios do plan e recóllense con transparencia nas bases previamente elaboradas no marco da cooperación cos concellos da provincia. Estas afirmacións coinciden co que sempre defendeu o presidente da Deputación, Diego Calvo, ó definir publicamente o DTC coma un plan ideado ‘excepcionalmente’ para axudar ós concellos en tempos de crise e que nace co ‘único obxectivo’ de dar solución ás súas necesidades. Ademais, o titular provincial insistiu en que ‘este plan é unha proba máis do noso respecto pola autonomía local’, xa que son os concellos os que deciden o destino das achegas que lles correspondan, tal e como reflicten as bases. Os criterios de reparto dos fondos do plan establecen unha cota fixa do 10%, un 20% polo esforzo fiscal, un 10% polo número de parroquias, un 30% pola poboación total do Concello e un 30% en base á superficie de cada concello.