A náutica galega fideliza o navegante europeo en La Rochelle

GALICIA> A náutica galega pisa con forza fóra das nosas fronteiras. Portos de Galicia presenta estes días a oferta da comunidade no salón náutico de La Rochelle, en Francia. Unha das citas máis importantes do calendario do sector.

Hai xa un tempo que a náutica galega demostrou que non entende de fronteiras. Estes días, Portos de Galicia volve asistir a un dos salóns máis importantes do sector: o francés de La Rochelle. Unha cita na que baixo o paraugas do ente, participan diferentes actores.

Oportunidade para a promoción pero tamén para establecer contactos con outras partes de Europa. Un xeito de coñecer iniciativas que ofrecen novas posibilidades.

Tras uns anos loitando para facerse un oco na primeira liña da náutica, a oferta galega traballa agora para fidelizar os navegantes. Mirando tamén para os mercados máis esixentes.

Segundo Portos de Galicia, a presentación en escenarios internacionais de iniciativas como Navega O Camiño ou a Regata das Illas Atlánticas supón un salto de calidade na promoción entre os navegantes do Arco Atlántico Europeo.