As obras do novo centro social de Carreira avanzan a bo ritmo

    RIBEIRA> A Actuación está a ser realizada polos alumnos do obradoiro de emprego Tahume, experiencia formativa compartida polos concellos de Ribeira e Porto do Son. Trátase da obra máis importante das programadas para ser executadas durante esta escola taller dunha duración de medio ano e que foi inaugurada o pasado 30 de outubro de 2013. O edificio situado no lugar de Pé do Corniño comeza a cobrar forma, despois das diversas obras realizadas, que incluíron a construción dos tabiques no interior do edificio e a canalización das augas pluviais na parte exterior. Se o tempo acompaña, a próxima semana darase comezo ao formigonado da cuberta, que nun futuro próximo está previsto que sexa revestida de zinc. Na experiencia están a tomar parte uns 16 alumnos-traballadores da especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Os traballos de construción deste inmoble, que pretende prestar servizo ós veciños da parroquia, xa foron iniciados anteriormente polos seus predecesores do obradoiro Vionta. O obradoiro Tahume conta ademais con outro módulo, na especialidade de carpintería, integrado por un total de oito persoas, encargándose de labores de mantemento de parques urbanos, entre eles o de García Bayón, traballos de reparación na pasarela do paseo de Coroso e outras accións de mellora no Centro Cultural Lustres Rivas e na Biblioteca Municipal. Proximamente está prevista tamén a continuación da área de pasarelas na praia da Catía á altura do río Listres.