Aprobados os orzamentos da Deputación da Coruña para o 2014

A CORUÑA> O documento orzamentario, que ascende a máis de 157 millóns de euros, saiu adiante co voto favorable do PP, a abstención do PSOE e a negativa do BNG.

A corporación provincial aprobaba esta mañá os presupostos da institución para o vindeiro ano 2014. No documento orzamentario, que ascende a máis de 157 millóns de euros, destacan as partidas destinadas a un novo plan DTC que estará dotado con 18 millóns de euros procedentes dos remanentes de tesourería, os máis de 24,2 millóns de euros do Plan de Obras e Servizos, as cantidades incluídas noutros plans para arranxo e conservación de estradas ou á partida consignada para subvencións. Cantidades importantes que suman un total de 65 millóns de euros e que a Deputación coruñesa porá a disposición dos concellos. Segundo sinalou o propio presidente, Diego Calvo, esta cuestión demostra que cando peor o están pasando os concellos, o organismo provincial realiza un gran esforzo para axudarlles. Destacou a novidade deste ano incluída nas bases do POS e que permiten destinar ata o 60% das cantidades asignadas a cada concello tanto a gasto corrente como a amortización anticipada de débeda. Outra novidade para o próximo ano será que os concellos que entren en proceso de fusión voluntaria ou que comecen proxectos conxuntos ou de cooperación, contarán con vantaxes na convocatoria de subvencións. Referente ós gastos, o presidente provincial matizou que os gastos de persoal suman para o ano 2014 uns 38 millóns de euros, o que supón un descenso de 140 mil euros con respecto ó ano anterior. O orzamento do 2014 inclúe tamén unha partida inicial de máis de 10 millóns de euros para programas de acción social, voluntariado, protección de mulleres, situacións de emerxencia e normalización lingüística. En canto a débeda da Deputación, Diego Calvo, sinalou que a saúde económica da institución é a mellor das deputacións galegas e recordou que, nos primeiros dous anos de goberno, conseguiuse rebaixala ata a metade. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/22/orzamentosdeputacioncoruna2014.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/22/orzamentosdeputacioncoruna2014.mp4{/flowplayer}