VILAGARCÍA> Folga indefinida dos traballadores do lixo de Vilagarcía a partir do 9 de agosto. Os barrendeiros toman esta decisión ante a falta de interese da empresa Urbaser a negociar unha mellora do convenio. A gota que colmou o vaso foi que a compañía lles emprazaba a un novo encontro a partir do 17 de agosto.
Despois de tres semanas consecutivas mobilizándose os venres para esixir mellores condicións laborais, os traballadores do lixo conseguiron que a empresa Urbaser se sentase a negociar con eles. Un encontro que propiciou que os barrendeiros desconvocasen os paróns, pero trala reunión mantida a pasada semana, séntense enganados e decepcionados por parte da empresa e por iso darán un paso máis e anuncian unha folga indefinida a partir do día 9.
O motivo principal desta decisión foi a actitude da empresa nas negociacións, pero a gota que colmou o vaso foi que a empresa propúxolles que os seguintes encontros tivesen lugar a partir do día 17 de agosto.
Os traballadores do lixo reclaman un incremento salarial do 15 por cento en catro anos, seguindo as pautas marcadas polas grandes empresas a nivel nacional, e un reaxuste do seu horario anual para poder librar, ao menos dous fins de semana completos ao mes. A empresa non mostrou ningún interese polas súas peticións.
A folga comezará o día 9 se a empresa non se senta a negociar. Os traballadores desexan non chegar a esa situación, pero temen que Urbaser agarde ata o último día ou incluso que non se preocupe polo parón da actividade.
O concello reuniuse cos traballadores para mediar no conflito e que a empresa se sente a negociar con eles. Os barrendeiros piden máis implicación ao goberno local xa que foi o concello o que asinou recentemente o contrato con Urbaser.