Os barcos do Xufre foxen a outros portos para protexerse dos temporais

    A ILLA> Día de calma meteorolóxica no Salnés. Finalmente, Stephanie non se sentiu tanto como estaba previsto e o temporal deixou poucas incidencias ó seu paso. Con especial preocupación agardábase esta borrasca na Illa de Arousa: moitos bateeiros e mariscadores buscaron refuxio para as súas embarcacións fóra do Xufre, un porto con moitas carencias para protexer os barcos.

    Os traballadores do mar están a sufrir especialmente o tren de borrascas que azouta Galicia dende hai case dous meses.

    O paso de Stephanie viviuse con especial preocupación na Illa de Arousa. As previsións falaban de ventos do Noroeste que poderían acadar os 100 km por hora. Moitos mariñeiros deixaron o Xufre para protexer as súas embarcacións nos peiraos de Cabodeiro ou de Vilanova; os que quedaron, pasaron a noite co ollo posto nos barcos.

    Afortunadamente, esta mañá non había que lamentar destrozos.

    Os ventos do noroeste son os máis temidos na Illa e, para os mariñeiros, o dique flotante construído por Portos de Galicia no Xufre é insuficiente á hora de protexer as embarcacións.

    Aínda que hoxe os temporais déronnos unha tregua, as previsións apuntan a que se manterán as chuvias nas vindeiras xornadas, mantendo o castigo sobre un sector, o do mar, que case non recorda o que é faenar con normalidade.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/10/consecuencias_temporal_10022014.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/10/consecuencias_temporal_10022014.mp4{/flowplayer}