O campo do Terrón estreará céspede antes do verán

VILANOVA> O campo de fútbol do Terrón, en Vilanova, estreará manto de céspede artificial. O proxecto para mudar a capa recibiu o visto bo da Deputación de Pontevedra, e o goberno local porá en marcha o proceso para a contratación dos traballos. A intervención terá un investimento de 180 mil euros.

Vilanova renovará o céspede artificial do campo de fútbol do Terrón. O concello recibiu o visto bo da Deputación de Pontevedra ao seu proxecto, que dá luz verde ao inicio do proxecto de contratación.

A intención do goberno local é reutilizar este material. De feito, aseguran que xa varios colexios do municipio manifestaron o seu interese.

Dende o Club trasladaron unha nova petición ao concello, que pasa por valar todo o campo para evitar que teña usos alleos á práctica deportiva.

Esta non é a única intervención no campo do Terrón. O concello tamén rematou a construción dunha nova instalación que acollerá a cantina e permitirá a retirada da caseta que desempeñaba esta función de xeito temporal.