O executivo rianxeiro avanza na tramitación do novo PXOM

    RIANXO> O alcalde e o tenente de alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e Carlos Gey, respectivamente, mantiveron esta mañá unha reunión coa secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, coa finalidade de avanzar na elaboración do seu PXOM. Trátase da primeira xuntanza que mantén o goberno rianxeiro coa Xunta, que serviu ademais de presentación do proxecto do novo planeamento que será sometido a Informe Previo a Aprobación Inicial. Un trámite, que suporá unha análise completa do PXOM por parte dos técnicos da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que deberán emitir un informe ó respecto nun prazo de dous meses, aproximadamente. Na xuntanza a propia Encarnación Rivas confirmoulle tanto o rexedor coma o tenente de alcalde que, durante este tempo, e de xeito paralelo, a Secretaría Xeral tamén emitirá outros dous informes máis como son o de adecuación ó Plan de Ordenación do Litoral e o de Costas. As previsións do concello rianxeiro pasan fundamentalmente por, unha vez emitido o informe previo por parte da Xunta, proceder a súa aprobación inicial en pleno, con fin de sometelo posteriormente a exposición pública durante este verán. A aprobación do PXOM de Rianxo suporía poñer fin a unhas normas subsidiarias que levan vixentes dende o ano 1985.