A Xunta desenvolve traballos de rexeneración nos montes sonenses afectados polos lumes este verán

    PORTO DO SON> Reparar os camiños, retirar a madeira queimada ou accións rexenerativas como o ‘helimulching’ son algunhas das actuacións que se están a realizar. A piques de cumprirse xa dous meses dos lumes que calcinaron máis de 1.600 hectáreas de monte en Porto do Son, a Xunta de Galicia está a levar a cabo diversos traballos de recuperación. Esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse ata a localidade para supervisar precisamente estas actuacións que buscan paliar os danos causados polas lapas antes da chegada das chuvias. Ademais das sementados rexenerativos ou a reparación de cunetas e obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación das augas, a titular de Medio Rural asistiu a unha demostración dos traballos de helimulching que se están a levar a cabo. Coa axuda dun helicóptero trátase de cubrir o solo con palla para protexelo da erosión e así evitar os arrastres. A actuación é moi efectiva para a rexeneración do monte, e realízase naquelas zonas máis escarpadas, con escaso arborado e de difícil acceso por terra. Dende o concello sonense agradeceron o compromiso da Xunta á hora de levar a cabo estes traballos de recuperación dos montes que resultaron queimados. A consellería de Medio Rural destina uns seis millóns de euros a estes traballos de rexeneración, ós que lles hai que sumar tamén unha liña de axudas para particulares que sufriran danos polos incendios cun orzamento dun millón de euros. Estas achegas, de carácter excepcional, súmanse ademais ó resto de liñas de axudas postas en marcha dende as distintas Consellerías co mesmo fin, e que xuntas, no seu total alcanzan os 10 millóns de euros.