Aquafit Gestión S.L. faise coa xestión da piscina de Rianxo

RIANXO> o executivo rianxeiro informou de que a empresa Aquafit Gestión, S.L. xestionará a piscina municipal a partires do 1 de marzo, en substitución da actual Serviocio que cumpría esta función dende hai cinco anos. A duración do novo contrato da instalación será de sete anos, con opción de prorrogalo a tres mais de haber acordo expreso entre as partes. Esta empresa, que xa xestiona piscinas coma a de Brión ou a de Teo, foi a única que se presentou ó concurso. Rematadas as distintas fases de revisión e valoración da oferta, determinouse que cumpre os requisitos esixidos na licitación. Ao longo do que queda de mes de febreiro completarase o procedemento para proceder á sinatura do contrato. Para garantir o equilibrio económico-financeiro da explotación o Concello abonará un canon anual de 85mil euros á empresa. Entre as melloras que recollían os pregos, Aquafit comprometeuse a facer diversas reformas na instalación. O cambio de adxudicataria no provocará o peche da instalación, co obxecto de non provocar ningún perxuízo aos usuarios. Ademais, a intención é que a transición sexa gradual, establecéndose un calendario para a execución das melloras e a introdución das novidades nos programas deportivos e na oferta. Hai que destacar que Aquafit ten obrigas de subrogación dos traballadores da empresa saínte, derivadas da ampliación do Convenio Colectivo de Instalacións Deportivas e Ximnasios.