O Partido Galeguista homenaxeará a Castelao en Rianxo

    RIANXO> A cita terá lugar o próximo sábado trinta de xaneiro e nela tomarán parte representantes da vida política, social e cultural do país. O salón de plenos do concello rianxeiro foi escenario da presentación desta gran homenaxe que o Partido Galeguista prepara para conmemorar o cento trinta aniversario do nacemento de Alfonso daniel Rodríguez Castelao. O acto terá lugar na mañá do sábado trinta de xaneiro, a carón do busto do insigne galeguista no Paseo da Ribeira, e nel participarán destacados representantes de distintas formacións políticas e entidades como é o caso da propia Fundación Castelao, o Museo do Pobo Galego, ou as Fundacións Penzol e Alexandre Bóveda, entre outras. Dende o propio Partido Galeguista fíxose referencia á importancia desta convocatoria á que se suman tódalas forzas nacionalistas do país ó redor da figura de Castelao, un dos pais do nacionalismo galego, hoxe aínda presente no ideario galeguista. Nesta homenaxe tamén colabora o propio concello rianxeiro. Segundo o alcalde, Adolfo Muíños, a figura de Castelao debe ser espallada polo país, como o pai que é da patria galega. Na presentación do acto insistiuse tamén na necesidade de que a casa de Castelao, declarada no ano 2009 coma Ben de Interese Cultural, poida converterse algún día en patrimonio de tódolos galegos.