O PSOE oponse á privatización do Rexistro Civil

A CORUÑA> O PSdeG presentará mocións en tódolos concellos da provincia da Coruña instando ás corporacións municipais a rexeitar o proceso de ‘privatización’ do Rexistro Civil que pretende levar a cabo o Goberno Central. O secretario provincial dos socialistas coruñeses e deputado autonómico, Francisco Caamaño, anunciou unha ofensiva do seu partido contra este proxecto que prepara o ministro Gallardón para a eliminación dun servizo ata o de agora público e gratuito, coa finalidade de beneficiar a un colectivo como é o dos rexistradores, o que supón un paso máis no alonxamento da Xustiza dos cidadáns O lider dos socialistas coruñeses sinala que a pretensión do Goberno de entregar o Rexistro Civil ó Colexio Nacional de Rexistradores da Propiedade suporá para os cidadáns o pago de taxas pola expedición de certificacións de nacemento, defunción, matrimonio, fés de vida, e outros documentos utilizados con frecuencia para diversos trámites administrativos que ata agora podían obterse de xeito doado e gratuito, e mesmo a través de internet. Este colectivo, segundo el privilexiado, beneficiaríase así dos 128 millóns de euros investidos recentemente polo erario público na informatización do Rexistro Civil.