Arrancan as actividades de primavera na biblioteca da Deputación

A COURUÑA> A Biblioteca da Deputación da Coruña inicia este venres as súas actividades de primavera cun obradoiro para nenos de todas as idades sobre o Carnaval. Esta sesión, que será gratuíta, celebrarase no vestíbulo da propia biblioteca entre as seis e as oito da tarde. A seguinte cita será o 21 de marzo para celebrar a chegada da ‘Primavera’. Ademais, o 2 de abril haberá outra actividade dedicada ao Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, e o 23 para o Día do Libro. Por último, o 16 de maio, o centro celebrará o Día das Letras Galegas. Ademais este centro, dependente da Deputación, organiza tamén cursos reservados para os socios da biblioteca. Entre eles destaca o de ‘scrapbooking’ ou a técnica de decorar álbums de fotos e cadernos con recortes. Este seminario, dirixido a nenos de entre 7 e 14 anos, celebrarase os sábados do 15 de marzo ó 26 de abril na sala Manuel López. Tamén os sábados 1 e 8 de marzo porase en marcha a actividade ‘Crea o teu conto’ dirixida a pequenos de entre 7 e 12 anos; e o 8 de marzo, con motivo do Día da Muller Traballadora, ofrecerase outra sesión no vestíbulo da biblioteca baixo o nome de ‘Da igual? Igual non da. Para estas actividades requírese inscrición previa na Biblioteca en horario de dez e media a unha e media polas mañás e de cinco a oito e media polas tardes.