Sogama celebra dúas décadas como referente europeo na xestión do lixo

GALICIA> Sogama está de celebración. Aínda que a Sociedade Galega do Medio Ambiente se puxo en marcha no 1992, no 2000 viu a luz o complexo medioambiental de Cerceda. Alí centralízase o tratamento dos refugallos urbanos dos 295 concellos galegos adscritos ao modelo, un referente a nivel europeo.

Nestes anos de historia, as cifras avalan o éxito do proxecto. Con Sogama evitouse a existencia de 300 vertedoiros municipais, e elimináronse máis de 3.000 puntos de vertedura ilegais que existían a finais dos 90. Dende entón, ano tras ano os datos de tratamento de refugallos melloran; unha tendencia que se mantivo no 2019.

En Galicia, só ao redor do 30% do lixo remata directamente no vertedoiro. O dato mellora a media española, que acada o 54%. Onde queda traballo por facer é no eido da reciclaxe; algo no que tamén se traballa dende Sogama.

Para acadar o obxectivo marcado dende Europa, é fundamental que a cidadanía interiorice a norma dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar. Da cuarta, a da recuperación enerxética, xa se encargan dende Sogama. Por iso, a educación e a concienciación son os eidos nos que se debe traballar.

Conseguir un correcto funcionamento da cadea de xestión dos refugallos é posible, pero non se chegará ao obxectivo se non existe un compromiso real do primeiro elo: os fogares.

Facer a compra axustada ás necesidades, reutilizar os materiais sempre que sexa posible, clasificar correctamente os refugallos… son pequenos xestos que axudan a que o complexo medioambiental de Cerceda poida facer o seu traballo de xeito eficiente, e sitúe a Galicia nun verdadeiro referente a nivel europeo na xestión do lixo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí