CALDAS> Os socialistas galegos inician unha campaña de denuncia da situación do encoro do Umia. A elevada presenza de cianobacterias é, para o secretario xeral do PSdeG, un grave problema consecuencia da falta de responsabilidade da Xunta.Critica que o presidente Feijóo non se achegase aínda ata a localidade para coñece-lo estado do embalse.
Cun encoro do Umia tinguido de verde e un gabinete de crise posto en marcha no Concello de Caldas, o PSdeG iniciou hoxe unha campaña de denuncia arredor do estado no que se atopa o embalse, no que un verán máis se detecta unha elevada presenza de cianobacterias. O líder dos socialistas galegos, de visita no propio encoro, aproveitou para denuncia-la pasividade da Xunta na procura de solucións. Gonzalo Caballero tamén criticou a ausencia de Feijóo, un presidente -dixo- que nunca quixo visita-lo encoro.
O gabinete de crise constituído en Caldas e do que forman parte tódolos partidos con representación no consistorio mantivo unha xuntanza. O alcalde da localidade salienta que a creación deste comité busca acadar, por fin, unha solución a un problema que leva máis de 12 anos afectando ó encoro da Baxe. Tanto o rexedor de Caldas como o de Cuntis solicítanlle á Xunta unha xuntanza ó máis alto nivel. Aseguran que hai unha gran falta de información sobre a situación real do encoro.
Polo de agora a única xuntanza prevista terá lugar o vindeiro luns, a instancias da Delegación da Xunta en Pontevedra. Un encontro que, para os rexedores, chega tarde e que non conta coa representación adecuada porque, insisten, eles queren falar coa Conselleira de Medio Ambiente e co de Sanidade.
O gabinete de crise de Caldas, por certo, tamén acordou onte a celebración dun Pleno monográfico e extraordinario para o xoves da semana que vén, centrado en exclusiva na situación do río.