33 millóns de euros para a mellora do saneamento de Vilagarcía

VILAGARCIA> Avances na ampliación da EDAR de Vilagarcía e na mellora da rede de saneamento. A Xunta presentoulle esta mañá ó Concello eses proxectos, nos que se van investir máis de 33 millóns de euros. O goberno galego pide a máxima axilidade na tramitación urbanística para poder materializa-las obras.

Por unha banda, a ampliación da depuradora de Ferrazo e, pola outra, a construción de dous tanques de tormenta na marxe esquerda do Con e a renovación da rede na avenida Rodrigo de Mendoza. . Son os proxectos que esta mañá a Xunta presentou ó Concello de Vilagarcía, a través dunha reunión telemática. Sobre a mesa, 33 millóns de euros para dar resposta aos problemas de saneamento e depuración na localidade. A intención do executivo galego é licita-las actuacións este mesmo ano.

O concello salienta que os seus cometidos están xa moi avanzados, coa compra do terreo do triángulo de Vista Alegre e a redacción do expediente urbanístico para posibilita-la obra da EDAR. Neste caso, o goberno galego pídelle a Ravella un último esforzo.

A conselleira aproveitou para poñer en valor a importancia destas intervencións para avanzar na necesaria recuperación integral da ría. Lembrou que, xunto coa do Burgo da Coruña, a de Arousa é a primeira que conta cun plan de saneamento integral , que mobilizou xa preto de 70 millóns de euros e que inclúe outros 44 máis.

As obras agora previstas en Vilagarcía serán financiadas con fondos europeas do programa Feder.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí