A alcaldesa esixe a paralización das obras ante a escalada de tensión

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/27/aumento_tension_nautico.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/27/aumento_tension_nautico.mp4{/flowplayer}

SANXENXO> Aumenta a tensión en Sanxenxo por mor das obras do Náutico. Os enfrontamentos e agresións das dúas xornadas pasadas entre membros de SOS Panadeira e o club, levaron incluso á intervención da alcaldesa. Catalina González pediu a Portos de Galicia a paralización das obras para pór fin ós incidentes.

Catalina González quere pór fin á escalada de tensión que se está a vivir en Sanxenxo. A alcaldesa requiriu hoxe a Portos de Galicia que paralice as obras da construción dos pantaláns do Club Náutico, causantes dos enfrontamentos que se están a rexistrar na vila.

Segundo a rexedora, a situación xa é insostible e incluso pide á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que poña os medios necesarios para garantir a seguridade de persoas e bens. E é que nas últimas dúas xornadas as protestas contra a instalación das plataformas remataron en violentos enfrontamentos.

Dende SOS Panadeira tamén son conscientes da escalada de violencia, e recoñecen que a situación non é a que desexan.

Iso si, sinalan ó persoal do Náutico como o culpable dos enfrontamentos dos últimos días.

Dende o Real Club Náutico tamén dan a súa versión. Negan por completo as acusacións da plataforma no referente ás liortas do pasado martes, e están estudar a posibilidade de presentar querelas contra os que, aseguran, calumnian ó Club.