NOIA> A Xunta financiará este verán un total de trece brigadas municipais contraincendios nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, durante a celebración dunha xornada formativa en Noia na que se falou sobre a importancia da prevención dos lumes e na que tomaron parte axentes e técnicos do Distrito Forestal de Noia.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá nunha xornada de traballo do Distrito Forestal de Noia, que engloba ás comarcas do Barbanza e Muros-Noia, no que participaron axentes forestais e técnicos que cubren esta zona. No encontro analizáronse as novidades introducidas nas Leis de Montes e Prevención de Incendios e os requirimentos que se teñen que aplicar coas mesmas. As modificacións principais teñen que ver con cuestións como as distancias do arborado, plantacións de eucaliptos ou a xestión dos montes veciñais queimados. Durante a xuntanza Rodeiro informou tamén da resolución do Convenio da consellería de Medio Rural coas Concellos de cara a súa participación na prevención e na defensa contra os incendios forestais, que estará cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, FEADER. Segundo el nestas dúas comarcas crearanse un total de trece brigadas municipais e dotarase de sete novas motobombas.
Segundo explicou o propio delegado, o traballo deste persoal das brigadas municipais será complementado co operativo da propia Xunta de Galicia a través do Pladiga.