Os teléfonos móbiles dos catro acusados sitúanos no lugar do crime do Umia

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/11/xuizo_crime_umia_110314.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/11/xuizo_crime_umia_110314.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> Os teléfonos móbiles permitiron ubicar ós catro acusados polo crime do Umia na zona onde se produciu o suceso. Así o aseguraron hoxe os axentes da Garda Civil que declararon na que foi a segunda xornada no xuízo deste caso.

A Garda Civil insistiu na tese que rematou cos catro acusados na bancada pola morte de Enrique Monteagudo, máis coñecido como Lucho. Os axentes que declararon hoxe, aseguraron na sala que foi o seguimento dos móbiles o que permitiu ubicar ós catro acusados na zona dos feitos, no entorno de Pontenova o 22 de xullo de 2010.

Aquí xoga un papel fundamental o teléfono de Adrián Ferro, un dos detidos. Ferro negara calquera relación cos feitos ata que a Garda Civil descubriu unha chamada que recibiu no seu móbil ó redor das 3 menos dez do mediodía, dentro da franxa horaria na que a investigación establece a morte de Lucho, e que o localiza nese lugar. A partires deste descubrimento, Ferro muda a súa versión e decide implicar a Borja Coucheiro, primeiro, e a Héctor Vázquez e Jesús Piñeiro, despois. Durante a investigación, a Garda Civil descubriu a existencia de relacións persoais entre todos eles, principalmente relativas ó tráfico de drogas.

Os axentes non dubidan de que os catro acusados estaban presentes no momento da morte de Lucho, aínda que aseguraron que non é posible establecer a participación que tivo cada un. Entre outras cousas porque no lugar dos feitos non se atoparon restos de ADN. Iso si, insistiron en que o crime foi cometido por varias persoas polo feito de que se empregaran dúas armas diferentes: a barra de ferro coa que se golpeou a Enrique e o coitelo co que foi degolado.