Silva esixe ao PP a expulsión de Caldas

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/04/reaccions_morana.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/04/reaccions_morana.mp4{/flowplayer}

     

    PONTEVEDRA> A polémica levantada polos seus insultos contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, forzou finalmente a dimisión do tenente de alcalde de Moraña. Onte, Jorge Caldas presentaba a súa renuncia, unha decisión que, segundo o Partido Popular, tomou de xeito voluntario. Pero os socialistas piden máis. Onte, Carmela Silva non aceptaba desculpas e esixía tamén a súa baixa do PP, e pedía á formación unha postura clara de condena á violencia machista.

    A dimisión de Jorge Caldas non é suficiente para frear a polémica polos seus comentarios. 

    Carmela Silva asegurou que ninguén do Partido Popular chamouna para desculparse. Aínda así, para a presidenta da Deputación o perdón non é suficiente, e esixiu á formación conservadora que se una á loita contra a violencia de xénero.

    A presidenta provincial fixo estas declaracións durante a inauguración dunha exposición sobre violencia machista, dende a que tamén pediu responsabilidades á alcaldesa polo seu suposto “gústame” ao comentario no que o edil de Moraña referíase a Silva como “mala zorra y sinvergüenza”. Unha acción que esta mañá negaba a propia María Luisa Piñeiro.

    Pola súa banda, a alcaldesa de Moraña apoiou a decisión do xa ex tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Sociais e Igualdade. Nun comunicado, Jorge Caldas cualificou o comentario como ofensivo, inadecuado e inxustificado. Sobre a esixencia dos socialistas de que abandone o Partido Popular, a intención de Piñeiro é sentar con el mañá para abordar toda a polémica.

    Dende a corporación morañesa, tamén celebraron a dimisión os edís do BNG. Precisamente foi a formación a que denunciara os insultos dende o seu perfil de Facebook.

    O lugar que deixa Jorge Caldas no grupo popular será ocupado por Pedro Souto, seguinte na lista que concorreu ás eleccións de maio. Así as cousas, a alcaldesa asegurou que aínda non está decidido se será el quen asuma a concellería de Servizos Sociais e a tenencia de alcaldía.