A corporación boirense tamén debaterá mañá o seu documento orzamentario

    BOIRO> O executivo boirense levará tamén mañá xoves a pleno a aprobación dos seus orzamentos para este ano 2014. O documento presupostario ascende a 12’2 millóns de euros, unha cantidade lixeiramente superior á do ano anterior, que se situaba en 11’7 millóns de euros, o que supón un incremento do 0’41%. Mantéñense os gastos de persoal e gasto corrente, mentres que no capítulo de investimentos cabe destacar que se verá incrementado nun 8’4% ata superar a cifra dos 1’7 millóns de euros. Entre as actuacións máis importantes para este ano 2014 figura a construción da gardería municipal, 410 mil euros, a mellora de estradas en todo o municipio, onde se investirán preto do millón de euros, ou a primeira fase da ampliación do cemiterio municipal de Vista Alegre, 74 mil euros. Un dos aspectos tamén destacados polo equipo de goberno nestes orzamentos, é o aumento considerable das partidas destinadas a Deportes e Xuventude. En canto ós niveis de endebedamento, as previsións do equipo de goberno é que se sitúen a finais de ano nun 52,7%, na liña marcada dende a súa chegada á alcaldía, coa finalidade de ir rebaixando a débeda.