GaliciAME celebra este domingo en Porto do Son unha andaina solidaria

PORTO DO SON> Despois do éxito da celebrada en Cambados, a Fundación GaliciAME dá o salto ó Barbanza, e desenvolverá este vindeiro domingo 29 de setembro, en Porto do Son, unha nova andaina solidaria e unha xornada familiar.

A actividade, organizada pola Fundación, da man do Concello, desenvolverase a partir das once da mañá, tendo como punto de partida a fachada marítima.

Terá un percorrido de seis quilómetros e estará aberta a tódalas idades.

O verdadeiro sentido desta actividade non é outro que dar a coñecer e visibilizar a enfermidade de AME, unha doenza que provoca a atrofia muscular espinal.

Äínda que a participación na proba será gratuíta, ese día instalaranse petos nos que poder depositar doazóns en favor da entidade fundada pola cambadesa Merchi Álvarez.

Como padriños da proba estarán a presentadora Belén Xestal e o músico Javi Maneiro.

Unha vez rematada a andaina desenvolverase no campamento Virxe de Loreto un xantar familiar con xogos, inchables e sorteos de regalos doados por diferentes casas comerciais da vila.

Todo o recadado irá destinado á investigación desta enfermidade, a contribuir así a axudar a persoas coma Tiago, que quixo tamén estar na presentación.

O neno sonense foi ademais o primeiro cativo en toda España en recibir unha terapia innovadora específica para esta  doenza..e todo en parte grazas ás aportacións que recibe solidariamente a Fundación GaliciAME.