O concello de Lousame colaborará coa protectora Arca

    LOUSAME> O concello de Lousame está a colaborar coa asociación protectora de animais ARCA para asentar un refuxio para animais no municipio. A colaboración entre as dúas entidades xa se iniciou no último trimestre de 2013 e mesmo incluíu a celebración dun macromercadillo solidario no polideportivo da localidade, un evento no que se lles atopou un fogar e unha familia a moitos dos animais recollidos por esta asociación. A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que lle puxeron á súa disposición as instalacións no Iroite, para que puideran ter alí uns cans que non podía acoller nas casas de acollida que teñen na comarca, e mesmo están a pensar na posibilidade de que podería ser un bo lugar para acoller este refuxio, aínda que dende ARCA prefiren outra ubicación, cun acceso máis doado e estamos barallando opcións. Este foi un dos asuntos abordados no último pleno, celebrado a pasada semana, no que tamén se presentaron os datos da liquidación do orzamento de 2013, que cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite de débeda, que se sitúa no 20,26%. Teresa Villaverde destacou que o concello ten un remanente de tesourería de 266 mil euros, o que demostra a boa xestión realizada no municipio.