RIBEIRA> O martes de entroido e o 24 de xullo serán os festivos locais de Ribeira en 2027. O pleno aprobou por unanimidade unha declaración de intencións para propoñer estas dúas datas de cara ó próximo ano aínda que a emenda presentada polo PP e PBBI eliminou o carácter permanente que propoñía o BNG.
O pleno ordinario celebrado a pasada tarde en Ribeira incluía na orde do día unha moción presentada polo BNG propoñendo a designación do día da Dorna e o martes de entroido como festivos locais de xeito permanente.
A proposta foi emendada polos grupos de goberno que se ben ratificaron o seu compromiso de aprobar estas datas para 2027, eliminaron o carácter permanente aludindo á necesidade de buscar consenso, atender os intereses de tódolos sectores e analizar as circunstancias particulares ano a ano.
Tódolos grupos coincidiron na importancia destas dúas datas, non só polo arraigo social destas dúas celebracións, senón polo gran impacto económico.
Finalmente, a corporación aprobou por unanimidade esta emenda consistente nunha declaración de intencións do goberno comprometéndose a levar a pleno a proposta destes dous días como festivos locais en 2027 cando a administración autonómica abra o prazo.










