RIBEIRA> O torneo Congalsa de Fútbol Base Concello de Ribeira conseguiu recadar preto de dez mil euros para a fundación Aladina. Trátase dun evento deportivo internacional que destaca polo seu carácter social en beneficio desta entidade que apoia ós nenos enfermos de cancro.
O auditorio de Ribeira acollía esta mañá o acto simbólico de entrega do cheque por valor de 9.780 euros para a Fundación Aladina. Foi a cantidade recadada no Torneo Congalsa de Fútbol Base Concello de Ribeira que se celebrou a finais de maio na Fieteira.
Visiblemente emocionado, o promotor do torneo, Julio Mariño quixo agradecer a implicación de administracións, empresas e a sociedade en xeral nesta iniciativa que, máis aló do seu valor deportivo, ten un fin social.
A Fundación Aladina leva anos traballando en favor dos nenos con cancro e as súas familias para facer máis amable a súa estancia nos distintos hospitais cos que colabora.