A Gandería ‘Tierra Celta’ estrea o seu centro de visitantes

    PORTODOSON> Trátase dun ambicioso proxecto empresarial que ten coma principal finalidade a promoción da industria gandeira e os produtos ecolóxicos. O alcalde de porto do Son, Luís Oujo, foi o encargado de inaugurar, xunto co propietario do establecemento, Andreas Rohregger, o novo centro de visitantes da empresa ‘Tierra Celta Gandaría Ecolóxica’. Unha iniciativa empresarial que xorde do traballo deste empresario austríaco e da súa familia e do seu empeño en contar cunha granxa. O rexedor sonense agradeceu o convite ó acto, destacando que o lugar, no que se dá unha variada oferta de produtos ecolóxicos, converterase nun atractivo máis dos moitos que ten Porto do Son. No acto tamén tomaron parte representantes da Xunta de Galicia, Javier Carballal da Asociación Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, e Alberte Piñeiro, antigo xefe do Distrito Forestal de Noia, así como tamén o presidente da Comunidade de Montes de Baroña, Ovidio Queiruga, entidade que cedeu o local e parte dos terreos nos que se desenvolve esta iniciativa empresarial. Posteriormente desenvolveuse unha degustación entre tódolos asistentes de varias das especialidades que oferta este negocio, como é o porco criado en liberdade, e realizouse unha ruta en autobús visitando os corrais de gando de cachena, ovella de Camerún, porco do monte e galos dos bosque.