PORTODOSON> A inmobiliaria demandáballe ó executivo preto de catro millóns de euros por non aprobar a urbanización da unidade de actuación número dous de Portosín. Con gran satisfacción acollía o goberno sonense a resolución do tribunal que desestimou a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada pola promotora COIRAMAR, S.L. contra o concello pola que solicitaba unha indemnización de 3’7 millóns de euros. Segundo informaron fontes municipais a empresa inmobiliaria sostiña que a falta de aprobación do proxecto de urbanización da “unidade de actuación número 2 de Portosín e o non outorgamento da correspondente licenza urbanística solicitada para a edificación dese ámbito, lle causara uns danos e prexuízos por valor desa cantidade requerida. Dase a circunstancia que o actual equipo de goberno, debeu facer fronte á reclamación da promotora ó pouco tempo de iniciar o seu mandato, sabendo que a súa estimación podía comprometer gravemente a situación económica do concello, posto que o seu importe representaba máis da metade do total dos Orzamentos Municipais. A sentenza ditada ratifica a legalidade da actuación municipal e declara a conformidade a dereito da decisión do concello de non aprobar o proxecto de urbanización nin conceder a licenza de obra por entender que non se cumprían os requisitos legais. Este procedemento enmárcase nun escenario de crise inmobiliaria, no que son moitos os concellos que deben enfrontar solicitudes de indemnizacións millonarias de empresas construtoras e promotoras que, acusando ás Administracións de ter impedido desenvolvementos urbanísticos, pretenden resarcirse das perdas causadas pola baixa do negocio urbanístico.
Inicio Barbanza - Muros - Noia