RIBEIRA> O executivo ribeirense vén de iniciar unha campaña municipal de sensibilización que pretende lembrar a obrigatoriedade de recoller as feces caninas da vía pública. Con tal motivo, estase procedendo á instalación de distintos soportes informativos en rúas, prazas e parques tanto da cidade como das parroquias, entre os que se inclúen carteis elaborados en PVC, bandeirolas e material adhesivo para instalar nas farolas ou indicadores para bordillos de beirarrúas entre outros. A rúa de Galicia, a praza de España, a praza do Concello xa contan con algún destes elementos, en tanto que está previsto actuar pola tarde na avenida do Malecón e proseguir cos labores de instalación nos vindeiros días. Esta extensa campaña organizada baixo o lema “Este é un xesto que te honra” terá continuidade a través doutras accións como o reparto de dípticos informativos e chapas en centros escolares, a colocación de carteis en establecementos hostaleiros e comerciais ou a distribución de dispensadores de bolsas aptos para ser colocados nas correas das mascotas. A través dalgún dos elementos instalados se recorda que, de acordo coa ordenanza municipal de limpeza, a sanción por no recoller os excrementos animais pode ascender ata os 150 euros. Tamén se incide na obriga de que os cans perigosos estean inscritos no correspondente censo, ademais de levar bozo e correa.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









