O CIM de Ribeira abre o seu certame fotográfico a máis participantes

    RIBEIRA> O certame de fotografía promovido dende a Concellería de Igualdade a través do CIM amplía o seu prazo de participación, de tal xeito que os interesados en presentar os seus traballos poderán facelo ata o día 16 de maio. De igual xeito, a organización decidiu abrir este evento non só aos en idade escolar como esta estipulado nun principio, senón tamén a todos os veciños e veciñas maiores de idade. En ambas modalidades a temática do concurso, que conta con cofinanciamento da Deputación, deberá plasmar os diferentes roles que ocupan a muller na actualidade e na historia, así como as situacións inherentes á conciliación no mundo familiar, laboral e social. As fotografías poderán ser antigas ou ben de nova creación realizadas polo autor ou autora. As obras deberán presentarse en papel de fotografía en formato 18×24 ou tamaño superior. Deberán ser enviadas en sobre pechado ao Centro de Información á Muller, Deán Grande, nº4, baixo. Un xurado profesional seleccionará un total de trinta fotografías finalistas entre as que, o día 19 de maio, se elixirá unha fotografía gañadora e dous accésits na modalidade escolar e unha gañadora na reservada aos maiores de 18 anos. As trinta fotografías finalistas serán exhibidas nunha exposición que está previsto celebrar a partir do 21 maio, día en que se fará entrega aos gañadores dos seus premios. Na categoría escolar, o primeiro premio constará de dúas entradas ao Aquapark de Cerceda. En canto aos dous accésits serán, por unha parte, dúas entradas para acudir aos Multicines Barbanza e, por outra, un pendrive. Na versión adulta, o premio será un lector de libros electrónicos.