Formalizado o replanteo para iniciar as obras do mercado de Ribeira

    RIBEIRA> O Concello de Ribeira formalizou o acta de replanteo que marca administrativamente o inicio das obras necesarias para a finalización do novo mercado municipal. De feito, operarios da empresa adxudicataria, Acciona Infraestructuras, S.A, comezaron a realizar unha serie de accións preliminares, como a instalación da oficina de obras ou a colocación de vallas. Os traballos obrigarán a pechar á circulación viaria un pequeno tramo que dá acceso á rúa Canarias dende o Malecón. Os condutores dispoñen dunha alternativa próxima accedendo a esa vía a través da rúa veciña Alexandre Bóveda. O novo mercado municipal é unha das actuacións máis importantes entre as incluídas no proxecto Ribeira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder. As obras de reorientación e finalización recentemente adxudicadas comportan un investimento de 2.711.609 euros e teñen un prazo de execución de 270 días naturais. O novo proxecto mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ao tempo que dar ao inmoble unha concepción unitaria que favoreza as sinerxías entre as mesmas, evitando que algunha puidese quedar desocupada por posuír un menor atractivo comercial. Un dos cambios máis significativos será que as escaleiras mecánicas chegarán ata a última planta . Ademais, o oco que opera como lucernario interior mantén unhas medidas semellantes nas distintas plantas en lugar de irse reducindo gradualmente. A planta baixa quedará ocupada polos praceiros actuais e a primeira albergará produtos complementarios a esta. En canto ao segundo e o terceiro andar, están pensados para os sectores de restauración e servizos.