BARBANZA> Valoración moi negativa do BNG do Barbanza ó respecto dos orzamentos da Xunta na comarca. Botan de menos partidas específicas encamiñadas a paliar a crise social, económica e sanitaria derivada da covid.
Escasos e decepcionantes. Así cualificou o BNG do Barbanza os orzamentos autonómicos da Xunta para 2021 pola súa escasa capacidade inversora na comarca. Botan en falta partidas específicas para Boiro que non aparece recollido de xeito en concreto en ningún apartado. No eido sociosanitario demandan investimentos para a mellora do centro de saúde da Pobra e dos consultorios periféricos do barbanza, así como a creación dunha nova planta de hospitalización no hospital comarcal. Tamén para a creación dunha escola infantil na Pobra, a posta en marcha do centro de día de Rianxo ou a creación dunha residencia da terceira idade en Ribeira.
Consideran tamén necesario habilitar unha liña de axudas para o sector marisqueiro, un dos máis afectados pola covid.
En materia de infraestruturas, o BNG demanda que se inclúa unha partida para realizar un estudo de viabilidade para unha conexión ferroviaria na comarca así como que se siga a traballar na dotación de chan industrial. As asembleas locais xa traballan na elaboración de propostas para elaborar un paquete de emendas a nivel comarcal.