López Otín recibe o Premio de Investigación Ramiro Carregal

SANTIAGO> A entrega do galardón tiña lugar onte pola noite, nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, que estivo presidido polo presidente da Xunta. Numerosas autoridades, entre os que se atopaban o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o alcalde de Santiago, Ángel Currás, o presidente do Grupo Frinsa, Ramiro Carregal, ou o director xerente do Grupo hospitalario La Rosaleda, Rafael Silva, en representación da Fundación La Rosaleda, participaron no acto de entrega do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda, dotado con 15 mil euros, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos. O prestixioso galardón, que chega xa este ano á súa terceira edición, recaeu no doutor Carlos López Otín, que recolleu o premio das mans do presidente de honra do xurado, Ramiro Carregal. Na súa intervención agradeceu o premio e destacou a importancia do mesmo de cara a investigación. O titular do Goberno Autonómico foi o encargado de clausurar a gala, felicitando ó premiado, así como as institucións e empresas que fan posible esta convocatoria e dan sostén a un labor de investigación vital para a humanidade. Neste sentido tódolos presentes agradeceron especialmente ó empresario Ramiro Carregal a súa implicación e apoio a esta iniciativa, poñéndoo coma exemplo desa necesaria colaboración público-privada na que están presentes o Grupo Frinsa, a Universidade de Santiago, o CHUS e a Fundación La Rosaleda.