O sector agropecuario galego busca consolidarse no mercado chinés

GALICIA> As 14 empresas galegas que participaron na Feira Internacional de Importación da China volven á casa con bo sabor de boca. O mercado chinés interésase polo noso produto, en especial polos do sector do viño e das conservas. Máis de 150.000 persoas coñeceron de primeira man todo o que Galicia pode ofrecer ó xigante asiático.

Galicia volve da China satisfeita. A delegación galega, composta por 14 empresas agroalimentarias, aproveitou a súa estadía na Feira Internacional de Importación do xigante asiático, para poñer en valor o seu produto, abrir novos horizontes comerciais e consolidada-la entrada de produto galego naquel país.

Máis de 150.000 visitantes participaron nesta feira comercial, celebrada en Shanghái. Un dos sectores produtivos galegos que xerou máis interese foi o vitivinícola, tendo en conta a crecente demanda de viños brancos.

Tamén o mundo do mar tivo moito protagonismo neste evento e, en especial, o sector das conservas. Con moitas empresas xa asentadas dende hai anos na China, agora as firmas buscan consolidar e expandir o seu negocio naquel país.

Acompañando ás empresas galegas nesta misión comercial estivo o Conselleiro de Economía e Industria. Francisco Conde salientou a aposta pola internacionalización da economía galega.

O conselleiro tamén mantivo unha xuntanza co presidente do xigante da distribución chinesa Bright Food, que está a impulsa-la entrada da nosa comunidade e dos seus produtos no país asiático.