Rosa Quintana presenta en Bruxelas ‘Galicia, desde o mar’

GALICIA> A Consellería do Mar presentou en Bruxelas o video ‘Galicia, dende o Mar’. Trátase dunha reportaxe audiovisual sobre o impacto socioeconómico da pesca na comunidade galega. o obxectivo é concienciar ás autoridades europeas do negativo impacto que tería o recorte das cotas previsto para 2020.

Galicia prepara o terreo para o Consello de Ministros de Pesca que se celebrará en Bruxelas a vindeira semana. De aí, que a Conselleira do Mar presentase na sede europea o proxecto ‘Galicia, desde o Mar’.

Esta creación audiovisual pretende sensibilizar, non só as autoridades senón a toda a sociedade, da enorme importancia da pesca na nosa comunidade como motor socioeconómico con vinte mil empregos directos e máis de oitenta mil indirectos. Son as propias xentes do mar as que constrúen o relato do sector que constitúe o seu medio de vida.

Esta peza divulgativa constitúe un paso máis na ardua tarefa de evitar os recortes de cotas propostos pola Comisión para o 2020. Xunto a ela, Galicia xa entregou á Comisión Europea so informes sobre o impacto que terían os recortes sobre a pescada e o xurelo con perdas que ascenden ós noventa millóns de euros. e afectaría de xeito directo a preto de 3.700 tripulantes. A maiores, a Consellería do Mar tamén levou ante Madrid e Bruxelas outros informes como o do estado da cigala no Cantábrico Noroeste ou o dos prexuízos que causa no palangre galego a non extensión a todas as frotas da norma que prohibe o cercenamento das aletas aos tiburóns.