RIBEIRA> Considérano un gasto innecesario tendo inutilizados os de Boiro e Porto do Son. Ademais cualificaron de retroceso a nova Lei de Solo impulsada pola Xunta.
O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do PSdeG, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá un almorzo informativo organizado polos socialistas de Ribeira. No coloquio abordaron diversos temas que afectan á comarca, como a nova Lei do Solo impulsada pola Xunta de Galicia, á que cualificaron de retroceso. Segundo os socialistas, a norma expropia competencias municipais, desprotexe o rural e encara a destrución do territorio, polo que reclaman a súa retirada. Acusan á Xunta de facer esta norma co obxectivo de legalizar determinadas actuacións. Desde o PSdeG aseguraron que a Xunta non está a satisfacer a demanda de vivendas de promoción pública. Solicítanlle facilidades para que os demandantes poidan acceder a ela e tamén a adaptación de prezos ó mercado. Os socialistas de Barbanza mostraron o seu rexeitamento á creación do viveiro empresarial de Ribeira. Considérano un dispendio innecesario tendo dous inutilizados na comarca. Concluíron a xuntanza, pedíndolle á Xunta de Galicia que actúe como un elemento dinamizador de emprego, facilitando os alugueiros de chan industrial ós novos emprendedores.