Cruce de reproches entre goberno e oposición pola reforma da rúa Castelao de Aguiño

RIBEIRA> Tenso pleno o vivido este luns en Ribeira con motivo da polémica sobre o cambio de sentido da rúa Castelao en Aguiño. A moción foi presentada polo Partido Barbanza Independente que recolleu máis de mil sinaturas en contra do proxecto.

A polémica suscitada polo proxecto da reforma da fachada marítima de Aguiño reside principalmente nos cambios previstos na rúa Castelao que pasará a ser de sentido único. O portavoz do PBBI acusa ó equipo de goberno de falla de transparencia por non ter informado previamente ós veciños na busca de consenso.

Con respecto á firmas presentadas polo PBBI, os populares cuestionan o modo de conseguilas chegando mesmo a acusar ó voceiro da formación independente de facelo mediante presións e métodos pouco democráticos.

Dende o grupo de goberno defenden a necesidade de limitar a un único sentido a circulación nesta vía en aras da accesibilidade para construír beirarrúas amplas que permitan o tránsito de persoas con mobilidade reducida.