PONTEVEDRA> Pontevedra apoia a planta de compostaxe. O presidente da Deputación e o alcalde da capital asinaron esta mañá o protocolo de colaboración para iniciar os trámites da nova infraestrutura. Un acto no que estiveron arroupados por asociacións de veciños, comunidades de montes e grupos ecoloxistas.
Hai máis dun ano que concello e Deputación traballan de xeito conxunto para valorar a construción dunha planta de compostaxe na provincia. A instalación daría servizo a máis de 20 concellos adheridos ao Servizo Provincial de Recollida de Lixo, aínda que se agardan que se sumen máis durante o proceso de construción da planta.
Segundo o protocolo asinado hoxe, nos vindeiros nove meses ambas institucións realizarán varios estudos para analizar a viabilidade da planta que, de entrada, conta co visto de numerosos sectores.
Concello e Deputación agardan seguir contando co apoio social para facer viable a planta. E é que na elaboración de compostaxe, é fundamental a separación dos residuos nos fogares. Para iso, implantarase un novo colector de cor marrón.
Outros factores que fan que ambas institucións aposten pola planta, é que a compostaxe coincide tanto co novo plan de residuos da Xunta de Galicia como coas directivas europeas para o 2020.
Agora, o concello traballa para atopar o emprazamento axeitado. Para esta tarefa abrirán un prazo de dous meses para que se poidan presentar ofertas. Tanto Lores como Mosquera recoñeceron que xa contan con algunha sobre a mesa, pero todas serán valoradas ao detalle.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/16/louzan_lores_planta_compostaxe.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/16/louzan_lores_planta_compostaxe.mp4{/flowplayer}