Luz verde ao convenio entre Deputación e concello de Pontevedra para construír unha senda peonil na estrada de Tomeza

PONTEVEDRA> Aprobado o convenio de colaboración entre Deputación e concello de Pontevedra para mellorar a mobilidade peonil na estrada de Tomeza. A xunta de goberno local deu hoxe luz verde a este acordo, que supón un investimento de 1,74 millóns de euros. Esta achega permitirá actuar un treito de 2,5 quilómetros incluído no Camiño de Santiago.

Luz verde ao convenio entre a Deputación e o concello de Pontevedra para actuar na estrada provincial de Tomeza. Unha intervención dirixida a mellorar a seguridade peonil neste vial, coincidente co Camiño de Santiago.

O treito no que se actuará ten unha lonxitude de 2,5 quilómetros. Crearase unha senda peonil de dous metros e medio de ancho pola marxe esquerda. Tamén se instalarán pasos de peóns elevados.

A xunta de goberno local aprobou esta mañá o convenio. Así o expediente estaría listo para a súa sinatura e para a licitación da obra. Un proceso que se podería retrasar ao redor de dous meses polo cambio de goberno na Deputación. Aínda que, segundo Mosquera, a actuación non estaría en perigo.

O convenio ascende ata os 1,74 millóns de euros. Desta contía, a Deputación achegaría o 80%. O concello, pola súa banda, asumiría o 20% restante e o custo das expropiacións, que rolda os 20.000 euros.