Rafael Louzán deixa a súa acta de deputado e abandona a Deputación provincial

PONTEVEDRA> Rafael Louzán abandona a Deputación de Pontevedra. Quen fora presidente do organismo provincial durante doce anos ata as pasadas eleccións, presentou esta mañá a súa dimisión como deputado provincial do Partido Popular. Deste xeito, Louzán cumpre o que xa anunciara o pasado 26 de maio: que non continuaría como deputado se perdía a presidencia.

 

Rafael Louzán deixa a Deputación Provincial. Esta mañá, o expresidente entregaba a súa acta de deputado polo Partido Popular, dando cumprimento ao que xa anunciara o pasado 26 de maio.

Louzán facía estas declaración dous días despois da celebración das eleccións municipais, que deixaban uns resultados que abrían as portas a un goberno do Partido Socialista co apoio do BNG.

Confirmado o pacto que deixaba fóra ao Partido Popular, Louzán continuou no grupo a petición dos seus compañeiros para, aseguran dende a formación, implicarse directamente na posta en funcionamento do grupo popular e na estratexia de traballo. Hai pouco máis de dúas semanas, os deputados celebraban que seguira con eles.

Pero finalmente co comezo do novo curso político, quen fora presidente da Deputación de Pontevedra durante doce anos abandona o seu posto como deputado. Así as cousas, seguirá asesorando e coordinando o grupo como presidente provincial da formación.

Dende o Partido Popular xa apuntaron que será a exalcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, quen ocupe a vacante no grupo provincial.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/01/louzan_presenta_dimision.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/01/louzan_presenta_dimision.mp4{/flowplayer}