Homenaxe a 25 anos de traballo

    RIBEIRA> Manuel Ruíz, outorgou 14 insignias de ouro neste día de Santa Rita, patroa dos funcionarios da administración local.

    Emotivo foi o acto que se celebrou esta mañá no Salón de Plenos do concello ribeirense. O executivo local quixo recoñecer e premiar o traballo do funcionariado que acadou ou superou os 25 anos de entrega á súa comunidade. Manuel Ruíz, alcalde de Ribeira, tivo palabras de agradecemento para todo o colectivo que dirixe e mostrou a súa satisfacción pola labor que cada un deles desenvolve, nun momento no que políticos e funcionarios son duramente cuestionados. Arroupados polos aplausos de compañeiros e amigos, os homenaxeados fóronse levantando a recibir a súa distinción. Foi Manuel Ruíz quen lla colocou persoalmente a cada un deles. O alcalde incidiu na importancia de seguir traballando conxuntamente para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ribeira. Ao rematar a entrega de condecoracións, tódolos presentes fixeron a foto de familia nas portas do consistorio, dando mostra do bo ambiente de traballo que reina no concello de Ribeira.