O PSOE deixa só ó BNG na aprobación das dedicacións exclusivas

    BOIRO > A corporación municipal celebrou un pleno a última hora da tarde de onte para aproba-la constitución do novo executivo local.

    O BNG quedouse só na designación do persoal en réxime de dedicación posto que, nin sequera, os seus socios de goberno apoiaron a proposta nacionalista. Nesta contemplábanse tres dedicacións exclusivas: a do alcalde, Xosé deira, cuxas retribucións brutas ascendería dos 50.000 euros da anterior lexislatura a 57.700 euros; a do tenente alcalde, que pasaría dos 45.597 euros ós 47.708 euros brutos e a do responable de Urbanismo, Xoán León, que percibiría 44.793 euros anuais fronte ós 41.918 da anterior lexislatura. Ademais, tanto o presidente como o vicepresidente da Comiisónd e Coordinación de Xetsión Municipal pasaría a percibir unha contía de 1260 euros mentres que os vocais percibirían 250 euros, fronte ós 180 da anterior lexislatura, o que supón un incremento do 39 por cento.

    Votos en contra

    Os socialistas votaron en contra por entender que non se axusta ós criterios de proporcionalidade establecidos en función da representación de cada grupo no goberno. Tamén a oposición decidiu rexeitar a proposta considerando que contempla unha suba esaxerada das retribuicións. Así mesmo, os populares consideran que a comisión de xestión municipal non ten outro obxectivo que crear semidedicacións encubertas posto que durante os catro anos que leva en funcionamento non ten repercutido nunha mellora das xestión nin dos servizos para os cidadáns, a pesar do alto custo que supón para as arcas municiapis, preto de cinco mil euros ó mes.

    Composición novo goberno

    Durante a sesión, douse tamén a coñecer a composición do novo goberno que, aínda que con novas incorporacións, aseméllase bastante ó organigrama da anterior lexislatura. Novamente Xoán León ocuparase das áreas de Desenvolvemento Territorial, Urbanismo e Medio Rural, Agricultura e Montes. O alcalde, Xosé Deira, asumirá as competencias de Administración Local e delegará en Dores Torredo as responsabilidades en materia de Facenda, Economía e Promoción do Emprego, así como Mocidade e Deportes. O edil nacionalista Xosé Manuel Pérez incia a súa andadura no goberno nas áreas de Participación Cidadá, Relacións Veciñais e Medio Ambiente, ó igual que Francisca Suárez que asumirá Turismo, Marisqueo e Pesca. Novamente, a tenencia de alcaldía recaerá en Xoán Xeús Ares, delegado ademais de Obras Públicas, Vías e Servizos. Repite tamén Xerado Piñeiro en Cultura, Patrimonio e Festexos, asumindo novas responsabilidades como Tráfico e Policía Municipal, mentes que Natalia Laíño será a responsable de Benestar Social, Muller e Terceira Idade. O socialista Mariano Múñiz incorpórase ó executivo coa xestión do Ensino, Sanidade, Consumo e Parques e Xardíns.

    Redacción Barbanza